PREMIO PEDIGREE´06: MABEL RIVERA
O premio de honra do Festival de Cans 2006 recae na actriz galega Mabel Rivera. Conta xa cunha longa traxectoria no mundo da televisión, o teatro. As súas últimas actuacións no eido do cine valéronlle o recoñecemento unánime da crítica e do público e situárona como unha das figuras máis importantes da cinematografía galega actual.
María Isabel Rivera Torres naceu en Ferrol en 1952. A súa popularidade en toda Galicia obtívoa co seu papel de Balbina na teleserie “Pratos combinados” da TVG, que comezou a gravar en 1995. En 2004 interpretou o papel de cuñada de Ramón Sampedro en “Mar adentro”, de Alejandro Amenábar, o que lle valeu a súa consagración a nivel estatal e incluso internacional. Por este traballo obtivo o premio Goya á mellor actriz de reparto e outros galardóns como o Sant Jordi de Cinematografía á mellor actriz española.
No eido do cine, o ano pasado participou en “Hotel Tívoli”, dirixida por Antón Reixa, e protagonizou “Faltas leves”, de Jaume Bayarri e Manuel Valls. A súa última rodaxe foi ás ordes do recoñecido director Milos Forman (“Amadeus”, “Alguien voló sobre el nido del cuco”), onde compartiu reparto con Javier Bardem e Natalie Portman, entre outros. |