|
¿QUE É?
O Festival de Cans é unha cita alternativa e divertida coas mellores curtametraxes galegas. Un peculiar festival de curtametraxes que este ano chega a súa terceira edición. De novo a aldea de Cans, no concello do Porriño (Pontevedra) convértese por uns días no epicentro do terremoto cinematográfico do país.
No Festival de Cans proxéctanse curtametraxes galegas, pero moito máis ca un festival de curtas. Transcurre na fin de semana do 25 ao 27 de maio, en paralelo ao Festival de Cannes, que nesas mesmas datas reúne na Costa Azul ao máis glamouroso da cinematografía mundial.
O Festival de Cans toma por completo a aldea: o torreiro da festa, xunto coa igrexa parroquial, é o punto de encontro onde teñen lugar os concertos e a entrega de premios. Espalladas por Cans atópanse as sete salas nas que se van proxectar as curtas deste ano: tres alpendres, dúas adegas, unha vella casa abandonada e un galpón convertiranse por unha tarde en inmellorables salas de cine.
Este ano temos salas novas e así podemos duplicar o aforo. Venderánse 480 tickets, que permiten ver as dezaoito curtas a concurso (doce de ficción e seis de animación) nun percorrido por catro salas. E para os que non teñan bono, as actuacións musicais, o bo ambiente e o "jalpón friki", de entrada libre, garanten a diversión.
O festival organízao a Asociación Cultural Arela, formada por xente nova do Porriño e Mos, baixo a coordinación do guionista Alfonso Pato. Ademais dos diferentes patrocinadores e colaboradores, é moi importante o apoio dos veciños. Eles ceden as “salas” de proxeccións e poñen a disposición do público os seus chimpibuses, pequenos tractores que resultan o medio de transporte público idóneo para o festival.
|