Aberto prazo de inscrición para Cans 2017

O Festival de Cans é un evento destinado a promover o talento das novas e novos creadores. Ata o domingo 5 de marzo estará aberto o prazo para enviar curtametraxes e videoclips para entrar a concurso na XIV edición do evento que se celebrará do 24 ó 27 de maio de 2017.

Admítense curtas de ficción, de non-ficción, de animación e de todo o que consideredes que son pezas curtas que precisen dun público que as desfrute, ademais de videoclips. Neste senso, esperamos superar de novo o número de obras inscritas, que o ano pasado ascendeu a máis de 200.

Este ano destinaremos en premios en metálico 6.900 euros, para intentar axudarvos e que sigades facendo cine no futuro. Seguindo a liña do ano pasado o Premio do xurado á Mellor Curtametraxe ascenderá a 2000 euros, continuando así a nosa aposta polo talento galego.

¿A que estades esperando? Consultade aquí as bases e inscribede os vosos traballos.