Main Page
Main Page
News
De que vai
Proyections
Programa
More than cinema
Tickets
Jury and awards
Cans Guide
Photo Gallery
Credits
Contact us
Administrator
Last News
Chete Lera, premio de honra Pedigree'08
Contido sen traducir / Contenido no traducido / No traslation avaliable

O Festival de Cans quere un ano máis recoñecer a unha figura do audiovisual galego que destaque por ter unha traxectoria ampla e brillante e na que se distinga o seu apoio persoal e profesional ás curtametraxes. Nesta quinta edición, o gañador do Premio de Honra Pedigree'08 é o actor Chete Lera.

Chete Lera (A Estrada, 1949) ten unha longa traxectoria no eido cinematográfico, onde traballou con algúns dos directores máis destacados do cinema español actual. A Asociación Cultural Arela, organizadora do festival, entregaralle o premio a noite do venres 23 de maio no torreiro de Cans. Lera toma así o relevo de Antón Reixa, Luis Tosar, Celso Bugallo e Mabel Rivera, que obtiveron nas edicións anteriores este galardón, o célebre “Can de Pedra” creado polo canteiro local Paco Candán.

Chete Lera iniciou a súa carreira interpretativa a finais dos setenta no teatro e afianzouna logo no audiovisual, especialmente no cinema. Cómpre salientar a súa intervención en numerosas curtametraxes, algunhas delas de sinatura galega, como “O río ten mans”, de Beatriz del Monte, e “Sandra”, de Ángel de la Cruz.

No eido teatral Lera participou en numerosas montaxes con directores como José Luis Gómez, Gerardo Vera e José Carlos Plaza. Con todo, do seu labor sobre as táboas destaca a dirección da Fundación Espacio Cero dende 1978 ata a súa desaparición. Recentemente, a principios do ano en curso, protagonizou a obra “¿Dónde estás, Ulalume, dónde estás?”, dirixida por Juan Carlos Pérez de la Fuente, con texto de Alfonso Sastre e baseada nos últimos días de Edgar Allan Poe.

Comezou a destacar no audiovisual da man de Mario Camus, quen contou con el para a serie “La forja de un rebelde”, baseada na triloxía homónima autobiográfica de Arturo Barea. Lera foi axiña reclamado polos directores de cinema máis nomeados do sector español, polo que leva ás costas máis dunha trintena de rodaxes de filmes para a gran pantalla. Traballou, entre outros, con Julio Médem (“La ardilla roja”), Montxo Armendáriz (“Secretos del corazón”), Icíar Bollaín (“Flores del otro mundo”) e Imanol Uribe (“Plenilunio” e “Extraños”). Supuxo un importante pulo para a súa carreira o seu protagonismo en “Familia”, de Fernando León de Aranoa, quen o volveu chamar para “Barrio”, así como a súa intervención en “Abre los ojos”, de Alejandro Amenábar.

O contacto de Chete Lera co audiovisual galego foi constante e participou en numerosos filmes producidos e rodados no país. Neste senso destacan as súas interpretacións en longametraxes como “Fisterra”, “O alquimista impaciente”, “Ilegal”, “A promesa”, “Concursante” e “O neno de barro”, e mais en telefilmes como “Mentíndolle á vida”, Secuestrados en Xeorxia” e “Ecos”. Máis inserido que nunca na produción audiovisual da terra vén de rodar os filmes “Os mortos van ás presas”, dirixido por Ángel de la Cruz”, e “A noite que deixou de chover”, ópera prima de Alfonso Zarauza.

 
© 2008 Festival de Cans
O Festival de Cans promociona a curtametraxe galega.