Principal
Inicio
Noticias
De qué va
Proyecciones
Programa
Más que cine
Entradas
Jurado y premios
Guía de Cans
Galería
Créditos
Contacta con nosotros
Área privada
Últimas Noticias
V Festival de Cans
Contido sen traducir / Contenido no traducido / No traslation avaliable

O V Festival de Cans

Cans e Cannes volven compartir o protagonismo cinematográfico do mes de maio. A Costa Azul e o Val do río Louro volven competir por acaparar a atención dos focos. Pero a oferta que o Festival de Cans prepara para a súa quinta edición os días 21, 22, 23 e 24 de maio nesta parroquia do Porriño será difícil de igualar. O festival audiovisual galego máis popular e interxeracional volve á carga con máis salas, máis curtas, máis longametraxes, máis música, e sempre co maior protagonismo para o cine galego.

Os elementos icónicos do festival seguen aí un ano máis: os alpendres, galpóns e adegas que se converten en salas, a tropa de chimpibuses para transportar aos espectadores, as alfombras vermellas (e azuis) espalladas polos carreiros, moita música de sonoridade diversa e espírito festeiro e a hospitalidade de sona universal dos veciños e veciñas de Cans.

Espalladas por Cans atópanse as dez salas nas que se van proxectar as curtas deste ano: tres alpendres, dúas adegas, dous baixos, unha vella casa abandonada, unha antiga lareira e un galpón convertiranse por unha tarde en inmellorables salas de cine. De novo veremos algunhas das mellores curtametraxes galegas dos últimos anos, xunto con esas curtas inclasificables que alcumamos como “frikis”. Este ano temos ademais unha “Sala Multiusos” nas que proxectaremos propostas con linguaxes e narrativas novidosas. No baixo de Moncho proxectaremos longas e documentais e por primeira vez unha selección de pezas chegadas desde un festival convidado, o Shoot-Me Film Festival de A Haia (Holanda). No quinto ano en Cans, máis cine ca nunca!

O Festival de Cans toma por completo a aldea: o torreiro da festa, xunto á igrexa parroquial, é o punto de encontro, o lugar onde ten lugar a entrega de premios e poderemos gozar da música de Miguel Costas & La Banda Turca, Cuchufellos e Tony Lomba e Elio dos Santos. Polos camiños de Cans oiremos a Os Veraneantes, Os Terribles de Tomiño e a Banda de Música do Porriño. E estreamos un novo espazo da parroquia intervida: Víctor Coyote fará concertos acústicos na primeira edición da “Canastro Experience”.

O Festival exténdese ademais á vila do Porriño, na que ao longo de maio se desenvolve un ciclo de cine, e onde o xoves 22 estreará a longametraxe “Cartas italianas”. A proxección-coloquio de “Periféricos” e o concurso de videoclips completarán unha xornada que se pechará coa sesión dj a cargo do mítico locutor de Radio3 Jesús Ordovás. Tamén no Porriño viviremos durante dúas fins de semana a Festa do Cine organizada pola asociación de bares Espacio Noite.

O festival organízao a Asociación Cultural Arela, formada por xente nova do Porriño e Mos, baixo a coordinación do guionista Alfonso Pato. Ademais dos diferentes patrocinadores e colaboradores, é moi importante o apoio dos veciños. Eles ceden as “salas” de proxección e poñen a disposición do público os seus chimpibuses, pequenos tractores que resultan o medio de transporte público idóneo para o festival.

 
© 2008 Festival de Cans
O Festival de Cans promociona a curtametraxe galega.