|
Por se aínda non sabes de que vai o festival... O Festival de Cans é un peculiar festival de curtametraxes que se celebra no mes de maio na parroquia de Cans (O Porriño), coincidindo en datas co Festival de Cannes. Precisamente a idea do festival xurdiu da similitude entre o nome desta aldea galega e a da cidade francesa. Naceu en 2004, polo que a de 2009 será a sexta edición. Características: O Festival de Cans foi evolucionando nas catro edicións transcurridas, pero segue mantendo unhas características básicas permanentes. Estas son as principais. O festival celébrase en Cans, unha parroquia rural do Porriño, con 450 habitantes. Celébrase a finais de maio, coincidindo co Festival de Cannes en Francia. O festival céntrase nas producións galegas actuais. A base da programación do festival son as curtametraxes, aínda que tamén se aposta pola estrea de longametraxes e documentais. Desde hai dous anos conta cunha sección dedicada aos videoclips o ano pasado abriu un oco para a proxección de curtas documentais. As curtametraxes proxéctanse en locais dos que son propietarios veciños e veciñas da parroquia e que durante todo o ano cumpren outras funcións, como poden ser: bodega, galpón, alpendre, baixo, etcétera. O festival espándese por toda a parroquia, xa que as proxeccións teñen lugar en locais espallados por distintos barrios nun radio de 1 quilómetro. Establécese un sistema rotatorio polo que o público con entrada pode asistir a todas as curtas, que se proxectan en varios locais de forma simultánea e durante catro pases. O festival ten unha concepción ampla da cultura e un carácter eminentemente festivo, polo que se programan unha serie de actividades paralelas, especialmente actuacións musicais, festas temáticas, outras proxeccións, etcétera. Obxectivos: Os principais obxectivos do Festival de Cans son: Crear un festival no que se potencie a curtametraxe galega, un espazo para os novos creadores no que poidan acadar unha repercusión mediática importante. Crear un festival cun formato innovador que sexa capaz de chegar a públicos diversos, todo isto nun medio ao que habitualmente non chegan as curtas, como é o rural. Establecer a partir do premio en Cans unha vía de saída para que as curtas gañadoras sexan vistas e recoñecidas en diferentes lugares e cheguen a un público máis amplo. Buscar vías de contacto e diálogo con outros festivais de características similares por outros lugares do mundo, festivais de cine nos que as proxeccións se realizan fora de salas, teatros e outros espazos convencionais. Dinamizar un espazo rural como é Cans, situándoo no centro dun evento cultural de primeira magnitude. Establecer un diálogo entre o rural en transformación e a creación audiovisual.
|