Principal
Inicio
Noticias
De qué va
Proyecciones
Programa
Más que cine
Entradas
Jurado y premios
Guía de Cans
Galería
Créditos
Contacta con nosotros
Área privada
Últimas Noticias
O máis destacado
Contido sen traducir / Contenido no traducido / No traslation avaliable

O máis destacado

Nesta quinta edición o Festival de Cans mantén as súas principais características, recoñecidas xa por todos os que visitan o festival. De novo as salas de proxección situaranse en alpendres e baixos, e outravolta unha flota de chimpibuses trasladarán aos visitantes dun a outro lado de Cans para que non perdan ningunha proxección. Pero ademais, preséntanse algunhas novidades importantes, co obxectivo de que o festival vaia medrando pouco a pouco. Velaquí os aspectos máis destacados do festival:

  • Máis aforo: dez salas en vez de sete: Aumentamos o número de salas de proxección para dar acollida a máis público. Este ano contaremos con dez salas, tres máis que o ano anterior. As curtas a concurso proxectaranse en oito salas, seis con curtas de ficción e dúas con curtas de animación. Desta forma poremos á venda 600 entradas, das que 120 estarán dispoñibles a través da páxina web, en packs de entrada + camiseta.
  • Máis días: incorpórase o Día dos Veciños: Xa se celebrou o ano pasado, e nesta edición entra a formar parte da programación estable do festival. O mércores 21 arrancamos co Día dos Veciños, unha programación especial feita por e para aos veciños de Cans. Será á tardenoite no Baixo de Moncho, onde se proxectarán fotos antigas da parroquia, a estrea da curta documental rodada en Cans “Do soño ao esquecemento. O túnel do tranvía de Mondariz a Vigo”, e a reestrea de “Río de sombras”, unha curta de 1986 cunha ampla participación porriñesa. Ademais, música a cargo das cantareiras de Cans, Moncho e a súa harmónica e outros artistas espontáneos.
  • Premios con dotación económica: Ademais do coñecido “Can de Pedra”, do que é autor o artesán local Paco Candán, este ano o Festival de Cans entregará por primeira vez premios en metálico. En total repartiranse 8.100 euros en premios. Deles, 3.600 son en premios establecidos pola organización: 1.500 euros ao do xurado en animación e 1.500 ao do xurado en ficción, e 300 para cada videclip gañador, segundo o xurado e segundo o público. Ademais, o Cluster Audiovisual Galego entrega un premio de 1.500 euros ao premio do público á curta de ficción, e o Consorcio Audiovisual de Galicia dotará con 3.000 euros en promoción e a inclusión no programa Curtas á gañadora de animación segundo o público. A lista de galardóns complétase cos premios ao mellor actor e á mellor actriz e o premio de honra “Pedigree”, que recibirá o actor Chete Lera.
  • Longametraxes e documentais de estrea: Cans consolídase como lugar da estrea de longametraxes galegas e documentais. O xoves 22 no Círculo Recreativo e Cultural do Porriño, estrea de “Cartas italianas”, o último filme de Mario Iglesias, premiado dúas veces en Cans. E o venres 23 celebraremos o Día Internacional do Orgullo Friki, coa estrea de “Maldito Bastardo”, un filme cutre-gore dirixido por Javi Camino. Tamén estrearemos o documental “Fin dunha viaxe infinita”, sobre a traxectoria de Xoel López, Deluxe.
  • Coloquios de cine: O xoves 22 proxectaremos “Periféricos”, un documental sobre a movida viguesa dos 80, que dará pé a un coloquio no que participarán Jesús Ordovás, Miguel Costas, Bibiano Morón e os directores do filme. E o sábado á mañá teremos a segunda edición do Coloquio na Leira, que contará con Juanma Bajo Ulloa, acompañado de Manuel Manquiña e Julián Hernández. O título do coloquio é: “Cine español e público:
    Vamos a llevarnos bien, o van a haber hondonadas de ostias aquí”.
  • Anywhere Cinema, Festival Convidado: Shoot-Me: O Festival de Cans está á procura doutros festivais no mundo que fagan as proxeccións de cine fóra das salas e auditorios habituais. O cine en calquera parte, Anywhere Cinema. Nesta andaina asociámonos co Shoot Me Film Festival de A Haia (Holanda), un certamen tamén recente no que os filmes se proxectan en lugares tan diversos como unha igrexa, un ximnasio de boxeo, unha tenda de alfombras ou un sexshop. Este será o festival convidado en Cans este ano, e o venres 23 poderemos ver unha selección de curtas que aló se proxectan e falar cos seus responsables.
  • Sala Multiusos: Ampliamos unha sala de acceso libre para a tarde do sábado. Ademais do xa clásico “Jalpón Friki”, este ano abrimos a Casa do Pedreiro, que se convertirá en “Sala Multiusos”. Alí poderanse ver curtametraxes galegas recentes con propostas narrativas e estéticas novidosas. Un espazo para a experimentación que incluirá intervencións en directo, como a de Lili Films coa súa reinterpretación de vellas cintas caseiras de Super8.
  • Producións a concurso: curtas e videoclips: A selección de producións a concurso inclúe 32 pezas. Temos 12 curtas de ficción e 6 de animación, que cubren todos os xéneros, tráennos as últimas creacións de curtametraxistas xa clásicos entre nós e tamén nos descubren novos talentos. Poderémolas ver o sábado pola tarde nas salas de Cans. E de novo teremos unha ampla representación dun dos xéneros audiovisuais emerxentes, 14 videoclips musicais que se proxectarán o xoves 22 no Chimenea (Espacio Noite).
  • Música e festa: No Festival de Cans a música sempre ocupa un lugar destacado. O torreiro será de novo o espazo da maioría dos concertos, todos eles de acceso libre e gratuito. O xoves a proxección de videoclips concluirá cunha sesión dj a cargo de Jesús Ordovás, mítico locutor de Radio3. O venres os bombos de Treboada Baixo Miño darán paso a Miguel Costas & La Banda Turca, que presentará en Galicia o seu novo disco ao tempo que repasa os seus grandes éxitos con Siniestro Total. E o sábado haberá unha auténtica explosión musical: a sesión vermú a cargo da Banda de Música Municipal do Porriño, que incluirán no seu repertorio temas de cine. O desfile de chimpibuses acompañado pola charanga Os Veraneantes. A actuación de media tarde a cargo de Cuchufellos e os seus ritmos bailables. E para pechar, o gran éxito da edición de 2007: o show irreverente de o dúo vigués Toni Lomba e Elio dos Santos, nunha dos escasos concertos que conceden. Nesta ocasión será un concerto homenaxe a Eurovisión e contarán coa presenza de convidados sorpresa.
  • Canastro Experience: A penúltima novidade deste ano supón o rescate doutro icono rural. Logo de transformar os alpendres e bodegas en salas de cine e os chimpíns en transporte público, apropiámonos dos hórreos ou canastros para convertelos en espazos musicais. Neles Víctor Coyote ofrecerá concertos acústicos para públicos moi, moi reducidos. · Cans 303: Este é o número da saída de Cans na autovía Vigo-Ourense. E é tamén o nome do proxecto de creación audiovisual no que se embarca o Festival de Cans. Este ano propoñémoslles a catro directores de curtametraxes que foron premiados polo xurado ou polo público de Cans en edicións anteriores que realicen pezas breves de ficción. Os directores na primeira edición do proxecto serán Mario Iglesias, Álex Sampaio, Fernando Cortizo e Jorge Saavedra. Porémoslle unha serie de condicións: serán curtas de ficción que durarán como máximo 3'03” (tres minutos e tres segundos), teñen que ter exteriores rodados en Cans, contar con algún veciño da parroquia como actor ou figurante, que apareza algún can, e que se empregue a palabra chimpín. O resultado coñecerémolo na vindeira edición.
  • Roteiro de sendeirismo: E como non todo vai ser cine e festa, este ano ampliamos as actividades complementarias cunha proposta ideal para quen queira coñecer mellor o pasado e o presente de Cans e ter unha visión diferente da parroquia e do festival. Propoñemos un roteiro de sendeirismo. Desenvólvese por boa parte da parroquia, ás dúas beiras do río Cans. Pasa próxima ás dez salas e a todos os lugares emblemáticos do festival, ademais de achegarse a máis dunha trintena de puntos de interese. É unha rota fácil que se completa en aproximadamente unha hora. Durante o festival faremos un roteiro guiado, o sábado ás 10 da mañá. A escusa ideal para tomarse un respiro da festa e desconectar.
 
© 2008 Festival de Cans
O Festival de Cans promociona a curtametraxe galega.