| Xurado e Premios |
|---|
| Premio de honra |
|
PREMIO PEDIGREE 08: CHETE LERA Chete Lera é un actor cunha longa carreira interpretativa, iniciada a finais dos setenta no teatro e afianzada no audiovisual, especialmente no cinema. Cómpre salientar a súa disposición a participar en proxectos novos e apoiar a directores noveis, e a súa intervención en numerosas curtametraxes, algunhas delas de sinatura galega, como “O río ten mans”, de Beatriz del Monte, e “Sandra”, de Ángel de la Cruz. No eido teatral Lera participou en numerosas montaxes con directores como José Luis Gómez, Gerardo Vera e José Carlos Plaza. Con todo, do seu labor sobre as táboas destaca a dirección da Fundación Espacio Cero dende 1978 ata a súa desaparición. Recentemente, a principios do ano en curso, protagonizou a obra “¿Dónde estás, Ulalume, dónde estás?”, dirixida por Juan Carlos Pérez de la Fuente, con texto de Alfonso Sastre e baseada nos últimos días de Edgar Allan Poe. Comezou a destacar no audiovisual da man de Mario Camus, quen contou con el para a serie “La forja de un rebelde”, baseada na triloxía homónima autobiográfica de Arturo Barea. Lera foi axiña reclamado polos directores de cinema máis nomeados do sector español, polo que leva ás costas máis dunha trintena de rodaxes de filmes para a gran pantalla. Traballou, entre outros, con Julio Médem (“La ardilla roja”), Montxo Armendáriz (“Secretos del corazón”), Icíar Bollaín (“Flores del otro mundo”) e Imanol Uribe (“Plenilunio” e “Extraños”). Supuxo un importante pulo para a súa carreira o seu protagonismo en “Familia”, de Fernando León de Aranoa, quen o volveu chamar para “Barrio”, así como a súa intervención en “Abre los ojos”, de Alejandro Amenábar. O contacto de Chete Lera co audiovisual galego foi constante. Participou en numerosos filmes producidos e rodados no país. Neste senso destacan as súas interpretacións en longametraxes como “Fisterra”, “O alquimista impaciente”, “Ilegal”, “A promesa”, “Concursante” e “O neno de barro”, e mais en telefilmes como “Mentíndolle á vida”, Secuestrados en Xeorxia” e “Ecos”. Máis inserido que nunca na produción audiovisual da terra vén de rodar os filmes “Os mortos van ás presas”, dirixido por Ángel de la Cruz”, e “A noite que deixou de chover”, ópera prima de Alfonso Zarauza. |