| Máis Cans en Internet: blog, Youtube e Myspace |
|
|
|
| Domingo, 18 de Maio de 2008 | |
|
A quinta edición do Festival de Cans está xa cerca. Comeza en Cans (O Porriño) o mércores 21 de maio e desenvolverase ata o sábado 24, pero xa se pode gozar en Internet. O festival aposta este ano polos contidos propios e aumenta a súa presenza na Rede cun blog propio , unha canle en Youtube e unha páxina en Myspace.
festivaldecans.blogspot.com é o blog do festival, dispoñible desde hoxe en Internet. O xornalista e guionista Xes Chapela desenvolverá unha bitácora que pretende dar unha visión diferente desde dentro do festival. Como un reporteiro empotrado entre a organización e o vecindario, do mércores 21 ao sábado 24 de maio vivirá o festival as 24 horas e transmitirá a súa experiencia no blog.
O blog contará con varias seccións, nas que se lles dedicará unha atención especial aos acontecementos do festival que poden pasar desapercibidos para a maioría do público. Crónicas de ambiente, entrevistas cos veciños, rumoroloxías, anotacións sobre o público e as curtas, e a combinación de texto, fotos, vídeos e cortes de audio farán deste blog a ferramenta indispensable para vivir o día a día do festival.
youtube.com/festivaldecans é a canle televisiva que abre o Festival de Cans en Internet a través de Youtube. Unha canle que se nutrirá de numerosos microvídeos que se gravarán e se subirán á Rede durante os catro días do festival. A canle ten a honra de estrear a promo que Juan Pablo Echeverry, gañador de catro premios no festival, preparou para a presente edición. Unha animación exclusiva para o festival con música de Suso Alonso, que se proxectará ao inicio de cada pase no festival.
Ademais, conta cunha selección de vídeos dispoñibles en Youtube e relacionados co festival: desde as reportaxes que programas de televisión dedicaron a Cans ata as gravacións subidas a Inernet por xente do público ou convidados que estiveron no festival en edicións anteriores. Por último, a canle en Youtube recolle algunhas das curtas seleccionadas este ano, así como trailers, teasers e making off's de varias curtas e longas presentes na programación de Cans. Tamén se poden ver os 14 videoclips que participan este ano no concurso.
En myspace.com/festivaldecans atopamos música, información e enlaces ás páxinas en Myspace dos grupos e artistas que forman parte da programación musical do festival ou que teñen videoclips a concurso. É a cuarta pata do festival na rede, xunto co blog, a canle en Youtube e a web do festival (festivaldecans.com). |



