| A cuarta edición do Festival de Cans xa rematou! |
|
Contido sen traducir / Contenido no traducido / No traslation avaliable Recollimos as alfombras (vermellas e azuis) que enmoquetaban os camiños, desmontamos os asentos (tablóns por un lado, caixas de cervexa por outro), descolgamos as pantallas e os galpóns, cubertos, baixos, bodegas volveron ser o que eran. Os chimpíns deixaron de carrexar veciñ@s, cinéfilos, cineastas, espectadores, famosos, nenos e nenas, e volveron ao seu: a herba e o abono. Na Asociación Cultural Arela, que organizamos este festival, estamos moi contento co resultado do Cans IV. Calculamos que arredor de 4.500 persoas se pasaron polo festival entre o mércores e o sábado. E o que é máis importante, cremos que os que estiveron pasárono ben. Proxectamos 26 curtas cun nivel medio de calidade moi alto, algo que fala ben do cine galego e os seus/súas nov@s realizador@s. Estreamos unha longametraxe dun cineasta porriñés (“Abrígate”, de Ramón Costafreda), un thriller de animación con cacahuetes (“Gritos en el pasillo”) e un documental (“Só concertinas”). Cremos que acertamos co programa de actuacións musicais, e que o público gozou con The Ellas, a sesión de Juan de Pablos, os Bravos de São Vicente, a Turres Band, Tony Loba & Elio dos Santos e os Festicultores. Visitáronnos figuras do audiovisual galego e español, con apelidos como Ulloa, Reixa, Gutiérrez, Manquiña, Carballal, Fábregas, de Lira, Blanco (H), Blanco (M), Delgado, Mosqueira, Tosar e un longo etcétera. Tivemos visitas chegadas de lugares como México, Holanda, Brasil e Core. Fixemos contactos interesantes con algún outro festival europeo e pronto sairá unha reportaxe sobre o festival nun dos xornais máis importantes de Sudamérica. E puxemos en marcha seccións novas que chegaron para quedarse. O coloquio na leira, no que escoitamos a Tristán Ulloa no espazo acolledor da leira de Alicia. A Can Parade, quince propostas sobre o can do festival da man de moz@s artistas porriñes@s. E o concurso de videoclips, doce recreacións audiovisuais de temas do último pop-rock galego. Isto foi todo. Se estiveches no IV Festival de Cans, agardamos que o pasaras ben e aquí che propoñemos uns enlaces para que non te esquezas do que foi. E se non estiveches, bótalle un vistazo aos enlaces para ver se che entran as ganas e o ano que vén te animas.
Lista de enlaces para coñecer/lembrar o festival: Tres cousas novas:
E o que xa tiñamos colgado
Isto é todo. Grazas, e vémonos no quinto!!!
|