|
Foron a revelación na primeira edición do festival. O segundo ano provocaron delirios de entusiasmo. O terceiro ano protagonizaron o cartel e o noso merchandising. O ano pasado desfilaron máis tuneados que nunca. Falamos dos chimpibuses, o transporte oficial do festival. Estes pequenos tractores vólvense vestir de gala para a ocasión. Por un día deixan de carrexar herba, abono ou millo para encargarse de mover a público e convidados dunha sala a outra conducidos polos veciños de Cans. Aínda que non teñas entrada, non te cortes: sube ao chimpibús. Cunha velocidade límite de 20 quilómetros por hora, a viaxe non ofrece confort pero si máxima diversión. A flota segue en aumento, e este ano formarase unha boa cuadrilla para abrir a xornada do sábado 24 de maio cunha procesión na que se mesturan a música, os famosos e o ruído dos motores nun espectáculo digno do ritual máis fervoroso.
|