| Selección de longametraxes |
|
O Festival de Cans e a Biblioteca Municipal do Porriño ofrecen un ciclo que presenta unha selección de longametraxes compostas por pezas curtas Comeza este xoves con “11 de setembro”, seguirá o día 10 con “De bares” que presentará o propio Mario Iglesias, e pecharase o 31 con “Coffee and Cigarettes” O PORRIÑO, 2 DE MAIO DE 2007 O Festival de Cans e a Biblioteca Municipal do Porriño organizan un ciclo que trata de amosar as posibilidades das pezas curtas cando forman parte de longametraxes. Co nome de “Canódromo”, o ciclo componse de tres filmes que se exhibirán no Centro Cultural Municipal os xoves 3, 10 e 31 de maio, ás 21 horas e con entrada gratuíta. Este ciclo de cine forma parte das actividades paralelas do Festival de Cans, organizado pola Asociación Cultural Arela, e encádrase á súa vez no programa “Cine na Biblioteca” que dende hai máis dun ano desenvolve semanalmente o Concello do Porriño a través da súa Biblioteca Municipal. 11 de setembro As pezas incluídas nestes filme forman un mosaico variado con achegamentos moi diferentes a un dos sucesos máis importantes da nosa historia recente. O plantel de directores reúne a algúns dos máis recoñecidos do cine actual: Shoei Imamura, Sean Penn, Mira Nair, Alejandro González Iñárritu, Amos Gitai, Ken Loach, Idrisa Ueadrogo, Danis Tanovic, Youssef Chahine, Claude Lelouch e Samira Majmalbaf. De bares Mario Iglesias é un dos creadores máis importantes do cine galego actual, que destaca pola súa capacidade para transmitir emotividade. No Festival de Cans foi premiado xa en dúas ocasións co premio do xurado á mellor curtametraxe de ficción, o ano pasado por “Nais” e hai dous anos por “Intensidade”. Precisamente esta última é unha das pezas que integran a longametraxe “De bares”. Coffee and cigarettes O filme consta dunha serie enlazada de pezas breves nas que diversas personaxes están sentadas arredor dunha mesa tomando café, fumando cigarriños e discutindo de diversos temas como a correcta preparación do té inglés, as teorías sobre a conspiración contra Elvis Presley, a ficticia banda de rock SQÜRL, París nos anos vinte ou o uso da nicotina como insecticida, entre outros temas. |