Principal
Inicio
Novas
De que vai
Proxeccións
Programa
Máis que cine
Entradas
Xurado e premios
Guía de Cans
Galería
Créditos
Contacta connosco
Área privada
Últimas Novas
Selección de longametraxes

O Festival de Cans e a Biblioteca Municipal do Porriño ofrecen un ciclo que presenta unha selección de longametraxes compostas por pezas curtas

Comeza este xoves con “11 de setembro”, seguirá o día 10 con “De bares” que presentará o propio Mario Iglesias, e pecharase o 31 con “Coffee and Cigarettes”

O PORRIÑO, 2 DE MAIO DE 2007

O Festival de Cans e a Biblioteca Municipal do Porriño organizan un ciclo que trata de amosar as posibilidades das pezas curtas cando forman parte de longametraxes. Co nome de “Canódromo”, o ciclo componse de tres filmes que se exhibirán no Centro Cultural Municipal os xoves 3, 10 e 31 de maio, ás 21 horas e con entrada gratuíta.

Este ciclo de cine forma parte das actividades paralelas do Festival de Cans, organizado pola Asociación Cultural Arela, e encádrase á súa vez no programa “Cine na Biblioteca” que dende hai máis dun ano desenvolve semanalmente o Concello do Porriño a través da súa Biblioteca Municipal.

11 de setembro
O primeiro filme en exhibirse será “11 de setembro”, este xoves día 3 de maio. A película foi rodada no 2002 e consta de once pezas creadas por once directores de once países diferentes arredor do atentado terrorista contra as Torres Xemelgas de Nova York. Cada unha das pezas ten unha duración de once minutos e nove segundos.

As pezas incluídas nestes filme forman un mosaico variado con achegamentos moi diferentes a un dos sucesos máis importantes da nosa historia recente. O plantel de directores reúne a algúns dos máis recoñecidos do cine actual: Shoei Imamura, Sean Penn, Mira Nair, Alejandro González Iñárritu, Amos Gitai, Ken Loach, Idrisa Ueadrogo, Danis Tanovic, Youssef Chahine, Claude Lelouch e Samira Majmalbaf.

De bares
O xoves 10 de maio proxectarase “De bares”. Trátase da primeira longametraxe do cineasta galego Mario Iglesias, que ese día estará no Centro Cultural Municipal do Porriño para presentar a película da que é director e autor do guión. O filme reúne varias historias que teñen os bares como escenario e como tema central a complexidade das relacións humanas. Polo filme pasan unha galería de personaxes interpretados por Javier Albalá, Nancho Novo, Emma Álvarez, Carlos Sante e Rosa Álvarez entre outros.

Mario Iglesias é un dos creadores máis importantes do cine galego actual, que destaca pola súa capacidade para transmitir emotividade. No Festival de Cans foi premiado xa en dúas ocasións co premio do xurado á mellor curtametraxe de ficción, o ano pasado por “Nais” e hai dous anos por “Intensidade”. Precisamente esta última é unha das pezas que integran a longametraxe “De bares”.

Coffee and cigarettes
O filme que pecha o ciclo é “Coffe and cigarettes”, dirixida en 2003 por Jim Jarmusch cun reparto coral no que destaca tanto a presenza de actores e actrices de renome como de coñecidos músicos de rock: Roberto Benigni, Steve Buscemi, Cate Blanchett, Bill Murray, Alfred Molina, Iggy Pop, Tom Waits, Jack White, etcétera.

O filme consta dunha serie enlazada de pezas breves nas que diversas personaxes están sentadas arredor dunha mesa tomando café, fumando cigarriños e discutindo de diversos temas como a correcta preparación do té inglés, as teorías sobre a conspiración contra Elvis Presley, a ficticia banda de rock SQÜRL, París nos anos vinte ou o uso da nicotina como insecticida, entre outros temas.

 
© 2008 Festival de Cans
O Festival de Cans promociona a curtametraxe galega.