Main Page
Main Page
News
De que vai
Proyections
Programa
More than cinema
Tickets
Jury and awards
Cans Guide
Photo Gallery
Credits
Contact us
Administrator
Last News
Proxección do filme "De bares"
Contido sen traducir / Contenido no traducido / No traslation avaliable

O Festival de Cans e a Biblioteca Municipal do Porriño proxectan este xoves o filme “De bares”, coa presenza do director Mario Iglesias

O PORRIÑO, 8 DE MAIO DE 2007

O Festival de Cans e a Biblioteca Municipal do Porriño proxectan este xoves 10 de maio ás 21:00 horas o filme galego “De bares”, escrito e dirixido por Mario Iglesias. Será un pase especial dun filme que aínda non se estreou en salas comerciais, e contaremos coa presenza do seu director para falarnos da súa primeira longametraxe, realizada a partir de pezas curtas.

A proxección enmárcase no ciclo Canódromo, no que se exhiben longametraxes feitas con pezas curtas. O pase deste xoves ten unha importancia especial para o festival, por tratarse dun filme galego aínda inédito nas salas convencionais, e por estar realizado por un director dúas veces premiado en Cans.

“De bares” reúne varias historias que teñen os bares como escenario e como tema central a complexidade das relacións humanas. Polo filme pasan unha galería de personaxes interpretados por Javier Albalá, Nancho Novo, Emma Álvarez, Carlos Sante e Rosa Álvarez entre outros. A música é de Nani García.

Mario Iglesias é un dos creadores máis interesantes do cine galego actual, que destaca pola súa capacidade para transmitir emotividade. No Festival de Cans foi premiado xa en dúas ocasións co premio do xurado á mellor curtametraxe de ficción, o ano pasado por “Nais” e hai dous anos por “Intensidade”. Precisamente esta última é unha das pezas que integran a longametraxe “ De bares”.

O ciclo Canódromo continuará o mércores 31 de maio con “Coffe and cigarettes”, un filme dirixido por Jim Jarmusch e composto por unha serie enlazada de pezas breves. No seu reparto figuran Roberto Benigni, Steve Buscemi, Cate Blanchett, Bill Murray, Alfred Molina, Iggy Pop, Tom Waits, Jack White, etcétera.

Estas proxeccións forman parte da programación do Festival de Cans, que este ano conta con varias actividades programadas fóra da fin de semana do 24, 25 e 26 de maio. Ademais do ciclo de longametraxes, figura a Festa do Cine nos bares de Espacio Noite, que se porá en marcha a fin de semana do 18 e 19 de marzo. Tamén a Can Parade, unha mostra de recreacións da silueta do Can do Festival feitas por artistas novos do Porriño, e que se poderá ver nos escaparates do centro urbano do 18 ao 24 de maio.

 
© 2008 Festival de Cans
O Festival de Cans promociona a curtametraxe galega.