Programación do Venres 25 no Festival de Cans

“Só concertinas”, “Gritos en el pasillo”, a entrega do premio a Reixa e as actuacións de The Ellas e un grupo de bombos portugués co Coyote e Novoa, puntos destacados da programación do Venres 25 en Cans

 

Hoxe venres toda a programación do festival céntrase en Cans. Ás 19:00 no Baixo do Bar Moncho proxéctase o documental “Só concertinas”. Será a estrea absoluta dunha peza de Víctor Coyote na que se aproxima á tradición musical de Portugal, coa colaboración de artistas galegos de rock e folk. En relación con esta proxección, ás 23:00 horas actuarán no torreiro de Cans, Víctor Coyote, Pablo Novoa e o grupo de bombos Os Bravos de São Vicente, nunha actuación que promete ser espectacular.


Tamén se estrea “Gritos en el pasillo”, a longametraxe de animación con cacahuetes que promete conquistar o mundo coa súa aposta polo terror friki. Será ás 20:00 horas no Baixo do Bar Moncho, nunha sesión na que a compañía Don Frutos agasallará a todos os espectadores cun pack de froitos secos para amenizar o pase.
O festival continuará dende as 22:00 horas no torreiro de Cans. Alí terá lugar a noite de estrea, na que se mesturarán proxeccións, a entrega do premio de honra e moita música. A festa arranca con varios avances de producións audiovisuais que se estrearán nos próximos meses, xunto ao pase do videoclip gañador do concurso que se celebra na noite do xoves. A continuación veremos a montaxe fotográfica sobre a pasada edición do festival que fixo Xurxo Lobato, un dos fotógrafos galegos máis recoñecidos dentro e fóra do país.


Ás 22:30 horas entregaranse os chimpíns de prata, unha insignia que outorga a organización coa que quere recoñecer o apoio ao Festival dun veciño ou veciña e dalgunha persoa do mundo do audiovisual. O veciño ao que se lle entregará o chimpín este ano é Paco Candán, canteiro artesán que é o autor do Can de Pedra, o galardón que entrega o Festival. O outro chimpín irá para Teté Delgado, actriz porriñesa que destaca polo seu apoio e divulgación do Festival.


Ás 22:45 horas entregaráselle a Antón Reixa o premio de honra “Pedigree'07” do Festival de Cans. Con este galardón recoñécese a traxectoria cultural, especialmente no eido do audiovisual. Ademais de escritor e músico, explotou as facetas de artista multimedia, director de cine e televisión, produtor, actor, guionista, presentador de radio e televisión e pioneiro dos videoclips en Galicia. Vén de estrear a súa segunda película como director, Hotel Tívoli.


A partir das 23:00 horas a música cobra todo o protagonismo. Primeiro, coa actuación de Víctor Coyote, Pablo Novoa e o grupo de bombos Os Bravos de São Vicente (Portugal). E ás 23:30 horas actúa The Ellas, o grupo liderado polo actor Luis Tosar, vello coñecido do festival. É un grupo do que forman parte músicos de ampla traxectoria como Piti Sanz, Suso Alonso e Iván Laxe, que interpreta versións de célebres cancións da historia do pop-rock cantadas por mulleres. O festival continúa de madrugada nos bares do Porriño asociados en Espacio Noite, nos que se desenvolve a Festa do Cine.

 
© 2008 Festival de Cans
O Festival de Cans promociona a curtametraxe galega.