|
“Sen chumbo” álzase como gran triunfadora do Festival de Cans ao conseguir os premios do xurado á mellor curta de ficción, actor e actriz. A curtametraxe “Sen chumbo” de Jorge Saavedra proclamouse a gran triunfadora da cuarta edición do Festival de Cans ao lograr os tres premios do xurado para curtas de ficción: mellor curta, mellor actor e mellor actriz. O premio do xurado á mellor curta de animación foi para “Promesa”, de Fernando Cortizo.
O xurado estivo formado pola actriz, profesora e realizadora Mariana Carballal, os actores Víctor Fábregas, Víctor Mosquera, Manuel Manquiña e Javier Gutiérrez, a xornalista Mar Barros e o director Ramón Costafreda. Os membros do xurado destacaron a alta calidade de todas as curtas presentadas na sección de ficción, o que complicou a decisión final. De “Sen chumbo”, o xurado valorou que se trata dunha “curta cunha realización moi sutil, que consegue contar os puntos de vista de moitos personaxes en pouco tempo, cun gran traballo de montaxe e un reparto coral no que todos os actores e actrices están espléndidos”. O xurado fixo unha mención especial a “As carreiras secretas” de Antón Coucheiro “Cou”, da que valora que é “unha historia moi fresca e moi ben resolta con poucos medios”. O premio do xurado á mellor actriz recaeu en Cristina Castaño, polo seu papel en “Sen chumbo”, porque “aínda que ten pouco espazo, a actriz é capaz de crear un personaxe elegantemente malvado que dá o contrapunto á historia”. O premio ao mellor actor foi para Xulio Abonjo, tamén polo seu papel en “Sen chumbo”. O xurado subliñou “a composición dun personaxe no límite, co que consegue manter o equilibrio sen caer na caricatura; nun traballo interpretativo que logra que todas as historias da curta conflúan nel”. En canto á animación, a mellor curta segundo o xurado foi “Promesa”, de Fernando Cortizo, da que valora especialmente “a complexidade da historia que se conta, que consegue captar o interese do espectador”. O sábado Cans foi un éxito en canto á aflencia de xente. Xa ao mediodía reuniuse un grupo nutrido para escoitar ao actor e director Tristán Ulloa nun coloquio que se desenvolveu na leira de Alicia, para a continuación bailar coa particular revisión dos clásicos máis animados do cine a cargo de The Turre's Band. Trala comida, iniciouse o desfile de chimpibuses. Foron nove as agro-limusinas atestadas de xentes do cine e veciños da aldea que se desprazaron do baixo no que se serviu o xantar oficial ata o torreiro de Cans. Alí ían os membros do xurado, o premiado de honra Antón Reixa, outros rostros coñecidos do audiovisual e da música de Galicia xornalistas, directores de curtas... Todos eles acompañados polo ritmo de The Turre's Band. Ás 16:30 horas comezou a dispersión en chimpibús polas diferentes salas co inicio das proxeccións. Unha vez máis trátase de cobertizos, galpóns, baixos e adegas transformados para a ocasión en excelentes salas de cine. Alí puidéronse ver as curtas a concurso, doce de ficción e sete de animación, ademais das outras sete que participaron na sección “Jalpón Friki”, escenario para as maiores extravagancias e irreverencias filmadas en Galicia nos últimos meses. A xornada do sábado complétase coa actuación de Tony Lomba e Elio dos Santos no descanso das proxeccións, a entrega dos premios do público e do xurado e a actuación estelar final dos Festicultores. |