Crónica do IV Festival de Cans PDF Imprimir E-Mail
Martes, 05 de Xuño de 2007

Por Esmeralda L. Castro
 

Non demorou en chegar, pero así como comezou, desapareceu entre as horas felices da primavera. Foi o IV Festival de Curtas de Cans (O Porriño), que concentrou os seus días grandes entre o 23 e o 26 de maio. A resaca aínda dura, a uns máis que a outros. Diso se trata. Os que veñen a Cans saben que hai que vivir a festa con intensidade e de seguro que cada quen tivo a súa experiencia inesquecible. E non era para menos. Esta edición veu cargada de novidades, cun dos programas máis completos da historia do evento: 19 curtametraxes a concurso (12 de ficción e 7 de animación), o Jalpón Friki, tres estreas mundiais, o I Concurso de Videoclips, o I Coloquio na Leira de Alicia, a Can Parade, os Cans de Lobato e sete actuacións musicais.

Os meteorólogos e os gurús prognosticaban tormentas. Auga caeu algún día, pero a verdadeira tromba foi de xente. O número total de asistentes roldou as 4.000 persoas, segundo o balance da Asociación Cultural Arela, a entidade organizadora, que de novo viu como se superaban todas as súas previsións. Sería bo que os gobernantes locais fosen matinando na posibilidade de ampliar o torreiro da festa, centro neurálxico do festival. Esgotouse o merchandising (camisetas, chapas, folletos...) e no bar, montado grazas á colaboración de Espacio Noite, non deixaron de servir víveres e beberaxes. Ninguén quixo perder o ambiente festeiro do festival, a oportunidade única de chegar ás portas do cine en chimpibús, a posibilidade de conversar de ti a ti cos representantes do starsystem do país e, por suposto, a maxia de gozar das últimas micro-producións galegas, aínda que soe tópico, nun marco incomparable. Cans, prototipo de aldea do contínuum rururbano da Galicia do sur, engalanou as súas leiras e as súas casas para acoller esta particular mostra cinematográfica. Este arduo labor non sería posible de non ser pola colaboración d@s veciñ@s, que abren as portas do seu espazo doméstico e algún deles, tamén as do corazón. Traballo en comunidade de mozos e non tan mozos, que demostra que a cultura con identidade pode acadar a difusión que merece. Arriba o agroglamour.

 

Mércores: a homenaxe máis especial

Precisamente a apertura de Cans 07 quixo ser unha homenaxe aos veciñ@s que ano tras ano colaboran coa organización para facer posible o festival. E como conseguir isto? Pois cunha dobre sesión no Baixo do Bar Moncho. Alí proxectouse a curtametraxe As farolas, de Abelardo Rendo, unha parodia das promesas electorais. Na curta aparece un personaxe moi especial, encarnado por Miguel de Lira: chámase “Chimpín” e viste a camiseta da pasada edición do festival. Estiveron nesta exhibición o director e parte do elenco, encabezado por Pepe Penabade. Deseguido presentouse a curta documental Día de ramo, un retrato da parroquia a través dunha das súas celebracións máis arraigadas: o día no que os organizadores das festas parroquiais dun ano lle entregan o “ramo” aos que as van organizar o ano seguinte. Amenizou a sesión Moncho e a súa Harmónica mailos seus convidados especiais. En pouco tempo montouse unha boa festa, todo isto observado por un reporteiro de Caiga quien Caiga, que comezou así: “estou rodeado de cruceiros, pero non estou na costa azul, estamos en Cans, Galicia, no festival de curtametraxes paralelo ao glamuroso festival francés”. Foi un bo encabezamento para os vindeiros días de festa.

Xoves: un día propicio para “abrigarse” e ver videoclips

A primeira cita foi no Círculo Recreativo Cultural do Porriño. Estaba previsto o primeiro desfile en chimpibuses coa conseguinte pasarela de estrelas pola alfombra vermella. Todo ao grande, pois a estrea mundial da primeira longa do porriñés Ramón Costafreda ben o merecía. Non puido ser. Todos seguiron o consello do título do filme, Abrígate, e correron a resgardarse no Círculo. Non foi un día meteoroloxicamente fácil, senón que lle pregunten a Félix Gómez, coprotagonista xunto con Manuela Pal, que sufriu unha espera de cinco horas no aeroporto de Barajas ata que finalmente o seu avión puido emprender o voo rumbo a Peinador. O final foi feliz e púidose colgar a banderola de “completo”. Chuvia de andar por casa, “e logo, non estamos en Galicia”, sinalou o emocionado e nervioso Costafreda, entre abrazos de familiares e amigos.

Púxolle comezo a esta sesión de luxo a cantante local Uxía, coautora da banda sonora do filme, acompañada polo pianista dos Azores Paulo Borges. O ton máis cinematográfico da actuación púxollo Pulpiño Viascón, que subiu ao escenario como convidado, para acompañar co seu serrucho unha particular versión do poema de Curros, Unha noite na eira do trigo. Deseguido, a comedia romántica Abrígate, amores e soños de mulleres cargadas de estética, que traballan nunha perruquería cunha ventá moi especial, un cartel de L'Oreal de París. Tenrura e acedía, que deixan ver a man do guionista arxentino Fernando Castets, autor do guión de filmes como El hijo de la novia ou Luna de Avellaneda. Saímos da sala coa certeza de que temos veciñ@s cunha gran sensibilidade artística.

A noite continuou no pub Tubulart cunha proposta nova, o I Concurso de Videoclips. Non é habitual tanta marcha nocturna un mércores no Porriño, pero o reclamo foi suficientemente atractivo como para encher a sala. Entraron a concurso videoclips de doce grupos de pop-rock galego, correspondentes ao bo momento musical de Galicia: Ectoplasma, Kimuru, El Cubo, Quant, Ofensiva, The Majestics, Pulpiño Viascón, Niño y Pistola, Austria, Meu, Aphonnic e Los Santos. Encargouse da selección un xurado especializado, integrado por Belén Regueira, xornalista e condutora do programa Extrarradio da Radio Galega, Víctor Coyote, músico e realizador de videoclips e documentais, e Juan de Pablos, o mítico locutor de Radio 3, que leva máis de 28 anos á fronte do programa Flor de Pasión. Tralas proxeccións rematou a xornada cunha sesión dj de Juan de Pablos, un repaso pola mellor música pop de todos os tempos.

Venres: desconcerto, concertinas e concertos

Para a organización a xornada comezou cedo, pois houbo que darlles os últimos toques ás salas. Para o público comezou ás sete da tarde coa proxección do documental musical Só concertinas, de Víctor Coyote, no Baixo do Bar de Moncho. A continuación desenvolveuse a estrea cinematográfica máis desconcertante dos últimos tempos. Procedente de Cannes, aterrou en Cans Juanjo Ramírez para presentar o seu último traballo, Gritos en el pasillo, unha coprodución galego-canaria, na que participa Perro Verde Films. Por que desconcertante? Por dúas razóns, o elenco actoral está formado por cacahuetes e, malia ser unha animación, o argumento consegue inquedar aos espectadores cun ambiente terrorífico, localizado nun manicomio con pacientes aínda máis desconcertantes, manís caducados. Todo isto no Día Mundial do Orgullo Friki, con sorpresa incluída. Paseou pola alfombra vermella, ou este ano tamén azul, o protagonista do filme.

A festa trasladouse entón ao torreiro, para dar paso aos momentos claves do festival. Alí proxectáronse os videoclips gañadores do concurso celebrado o día anterior, Niño y Pistola (premio do xurado) e El Cubo (premio do público), maila fotomontaxe Os Cans de Lobato sobre a edición do ano pasado, da autoría dun dos incondicionais de Cans, o fotógrafo Xurxo Lobato. Teté Delgado e Paco Candán, que seica hai anos volvían xuntos en vespa para a casa os sábados, compartiron o Chimpín de Prata 07. Sen máis demora, comezou a música. As guitarras de Víctor Coyote e Pablo Novoa fronte aos bombos dos Bravos de São Vicente conseguiron facerse un oco entre o público numeroso, para arrincarlle os primeiros brincos de euforia. A xente xa non deixou de bailar ao ritmo de The Ellas, pronunciado “di elas”, grupo liderado por outro incondicional de Cans, Luis Tosar, acompañado de Piti Sanz, Suso Alonso, Iván Laxe e Ro Muñoz. Ofreceron unha revisión dos clásicos femininos da historia do pop-rock internacional, dende Abba ata Alaska. Tivo que ser un fallo na electricidade o que lle puxo o fin á festa.

Sábado: sesión continua de sol a sol

Xusto cando se lle daban os últimos retoques ás salas de proxeccións disipouse a última nube negra. Coa primeira raiola do sol Alicia guiou a Tristán Ulloa ata o seu eirado, onde se desenvolveu unha das novidades con mellor acollida desta edición do Festival de Cans. Un gran prado rodeado de viñas; a un lado a casa de Alicia e o Jalpón Friki e ao outro a autovía de Vigo a Ourense. Alí se inaugurou o Coloquio na Leira, para debater as múltiples problemáticas do oficio de facer cinema aquí. Na mesa Tristán Ulloa, Antón Reixa e Alfonso Pato, director do festival. Reixa encargouse de presentar a Ulloa como “o noso Clint Eastwood” polo seu traballo como actor e director. Ulloa, todo amabilidade e mirada cándida, falou de Pudor como “un soño feito realidade”. Entre o público, actores, profesionais do sector, afeccionados, cinéfilos e curiosos. Rompeu o xeo Manquiña e a partir de aí xurdiron os temas habituais: a carencia de industria, a dependencia das subvencións, unha lei do cinema continuísta, as dificultades de distribución, cine comercial versus cine de autor, a desconexión co público, o monopolio de Hollywood, as horas intempestivas ás que se emite o cine na televisión... Conclusión, nunca tanto cinema se consumiu como agora, “o seu grande éxito é que está no Emule”, Reixa dixit. O problema para a creación son os cartos, porque ideas, talento, público e entusiasmo non faltan. O exemplo, xa que estabamos alí, Cans, que cada ano medra un chisco e “onde dentro duns anos vai ter máis prestixio estrear un filme que na Gran Vía madrileña” (Morris). Isto foi o I Coloquio na Leira, unha actividade que veu para quedarse, realizada nun espazo privilexiado para o que a organización xa comezou a barallar novas posibilidades.

Mentres, o torreiro estaba acaparado pola Radio Galega, que trasladou unha unidade móbil a Cans para facer dende alí dous dos seus programas principais do sábado. Ocupou toda a mañá o magazine Extrarradio, conducido por Belén Regueira, que tivo o privilexio de contar coa música en directo da charanga The Turres Band. Pola tarde tocoulle a Óscar Losada e a súa Lanterna Máxica.

Un inciso, entre programa e programa houbo que ir comer. Menú tipical galician, potente. Empanada, polbo e de sobremesa unha rosca ben doce, acompañada dun espectáculo improvisado: Moncho tirou de harmónica e Manquiña de voz e disposición festeira. Sumouse ao coro Uxía e Mariana Carballal ao dancing. Juan de Pablos gozou coma un cativo e Tristán Ulloa flipou un pouco. Outras caras coñecidas, sobre todo da TVG, pulularon polo festival: Morris, Luis Tosar, María Blanco, Luis Zahera, Víctor Fábregas, Miguel de Lira, Carlos Blanco, María Salgueiro... Aterrizaron todos xuntos no torreiro sobre a hora prevista, as catro da tarde, montados en chimpibús. Ao respecto do transporte oficial de Cans cómpre destacar o enxeño dos seus propietarios para adaptarse á ameaza de chuvia. Luciron distintos modelos de capota ao xeito dos carros tipo do western, mais ao mediodía decidiron descapotalos. Un ano máis, non ía caer unha pinga. Quedou así inaugurada a xornada oficial de proxeccións a concurso mailo Jalpón Friki, de acceso libre. A diferenza dos anos anteriores o torreiro estivo ateigado de xente ao longo de toda a tarde. Moitos achegáronse a Cans mesmo sen entrada para cheirar o ambiente e gozar da festa.

Para festa a que montaron Tony Lomba e Elio dos Santos no descanso vespertino, ás sete da tarde, unha hora pouco usual para as súas letras irreverentes e atrevidas. Houbo outras dúas horas de proxeccións, coa que se extinguiron as últimas raiolas de sol. Despois da entrega de premios remataron a festa os Festicultores, que repetían en Cans por segundo ano consecutivo debido ao mérito de facer choutar ao 100% dos presentes.

Os premios e os premiados

O venres 25 entregóuselle o Premio Pedigree a Antón Reixa, en recoñecemento á súa polifacética traxectoria no eido audiovisual e no ámbito da cultura en xeral (artista multimedia, director de cine e televisión, produtor, actor, guionista, presentador de radio e televisón...). No momento de recoller o seu galardón Reixa afirmou: “espero seguir sendo un bo can de palleiro e seguir practicando a promiscuidade artística”.

O xurado, este ano composto por Ramón Costafreda, Mariana Carballal, Víctor Fábregas, Manuel Manquiña, Víctor Mosqueira, Mar Barros e Javier Gutiérrez, outorgoulle o Premio á Mellor Curtametraxe de Ficción a Sen chumbo, dirixida por Jorge Saavedra. Destacou a “sutilidade da súa realización, que consegue contar os puntos de vista de moitos personaxes en pouco tempo, cun gran traballo de montaxe e un reparto coral no que todas as actrices e actores están espléndidos”. Isto último serviu para que da mesma proposta saísen os premios ao Mellor Actor e á Mellor Actriz, que foron, respectivamente, para Xulio Abonjo e Cristina Castaño. O Premio á Mellor Curta de Animación recaeu en Fernando Cortizo, polo seu traballo Promesa, ficción científica e debate ético con bonecos de plastilina. O xurado quixo facer tamén unha mención especial para As carreiras secretas, de Antón Coucheiro Cou, da que valorou que é “unha historia moi fresca e moi ben resolta con poucos medios”.

Pola súa parte, o público votou como Mellor Curta de Ficción a comedia futboleira Tempada 92-93, de Alexandre Marzoa. Dous seareiros do Celta, Miguel de Lira e Carlos Blanco man a man, enfrontados por unha difícil escolla, a afección polo seu equipo dende o corazón ou dende a frialdade dunha quiniela. Este filme conectou moi ben cun público ateigado de celtistas.

O público concedeulle o Premio á Mellor Curtametraxe de Animación a un clásico en Cans, Juan Pablo Etcheverry, que obtivera xa recoñecementos nas dúas primeiras edicións do festival. Desta vez foi polo seu aclamado traballo A flor máis grande do mundo, baseado no único conto infantil de José Saramago e con banda sonora de Emilio Aragón.

 
© 2012 Festival de Cans
O Festival de Cans promociona a curtametraxe galega.