PARA ENTENDER CANS

Cans é unha aldea que non pasa de 400 habitantes. Enclavada nun pequeno val entre o Monte Castelo e A Risca, a parroquia vertébrase arredor da antiga estrada N-120, e da autovía Vigo-Ourense. Moi cerca do núcleo urbano do Porriño, Cans segue a ter o seu mundo e os seus costumes que pertencen a un universo plenamente rural: desde campos de labranza a galiñeiros, pasando por invernadoiros, alpendres, canastros ou cortellos de porcos.

 

Todos estes elementos configuran unha paisaxe que semella normal, pero que nos días do festival se volven espazos con vida propia. O festival revoluciona a parroquia: córtase o tráfico na estrada principal, as charangas e a música toman a rúa, coordínanse co cura os horarios das misas e os veciños colgan nos balcóns das súas casas un emblema que locen con orgullo: o famoso “can amarelo”, o gran símbolo que agora identifica a parroquia e ao seu festival.

 

Duns anos para aquí, os veciños fan comidas familiares nas súas casas como se fose o día da festa do patrón, Santo Estevo, que se celebra o 26 de decembro. Nos días do festival, Cans é unha gran festa, na que todo o mundo goza: os que veñen de fóra, porque asisten alucinados ás proxeccións nos alpendres e nos jalpóns, e os veciños porque contemplan con grata sorpresa como a súa aldea se revoluciona. Pero todo sempre con sentidiño.

 


Twitter