Aberto ata o 16 de marzo o prazo para presentar curtas e clips a concurso

Do 23 ao 26 de maio volve o Festival de Cans! Estamos xa traballando nunha nova edición na que esperamos manter (como mínimo!) o nivel de calidade e diversión de anos anteriores. Para iso é imprescindible contar cunha boa selección de curtametraxes e videoclips galegos. Por iso abrimos ata o 16 de marzo o prazo para que nos enviedes a s vosas producións.

Como sempre falamos de curtas galegas (feitas en Galicia, producidas por unha produtora galega ou dirixidas por directores/as galeg@s) e producidas entre 2010 e 2012. No caso dos videoclips, buscamos pezas dos mesmos anos de grupos ou artistas galegos ou dirixidas por galeg@s. Consultade as bases e enviádenos os vosos traballos!

 

 

Can de Pedra

Os premios? O primeiro, entrar na selección do festival. E se a cousa vai ben, podedes facervos con algún dos galardóns. Temos dez Cans de Pedra e 5.600 euros en premios: premio do xurado á mellor curta de ficción e á mellor curta de animación (1.500 euros en cada categoría), premio do público en ficción e animación (1.000 euros por categoría), mellor actriz, mellor actor e mellor guión segundo o xurado, mellor videoclip segundo o xurado e mellor videoclip segundo o público. Ademais outórgase o Premio Pedigree a algunha persoa do audiovisual galego destacada pola súa traxectoria.

 

Financiamento e papel do festival

Na Asociación Cultural Arela xa estamos traballando na organización da novena edición, baixo a dirección de Alfonso Pato. O obxectivo é que o festival volva contar con catro xornadas de programación, aínda que iso dependerá finalmente dos apoios económicos que consigamos. Volveremos recurrir á suma de financiamento público, financiamento privado e ingresos propios, co convencemento de que o apoio de todas as partes é imprescindible para poder manter o festival. A pesar das dificultades para conseguir completar o orzamento, o Festival de Cans aposta por non reducir a dotación económica dos galardóns para seguir apoiando aos creadores.

 

A importancia de festivais como o noso enténdese ben vendo as recentes nominacións para os premios Goya. O festival vese fortalecido no seu papel de plataforma de lanzamento e espazo para a difusión de creadores e proxectos. Entre os candidados aos Goya figuran varias obras e autores que pasaron por Cans:

- Birdboy, candidadata á mellor curta de animación, gañou en Cans 2011 o premio do xurado nesa categoría.

- O público do festival puido ver o ano pasado na sección “Fillos de Cans” as primeiras imaxes de Arrugas, que é candidata á mellor película de animación e ao mellor guión adaptado.

- Escuchando al juez Garzón é un documental de Isabel Coixet que se estreou en Cans o ano pasado coa presenza de Manuel Rivas e que agora é candidato ao mellor documental.

- Kike Maíllo gañou en 2009 o premio do público ao mellor videoclip con “Es Feo” de Manos de Topo e agora é candidato a 12 premios Goya por Eva.

- Roque Cameselle presentou Soldado sen fortuna na primeira edición do Festival de Cans, e agora é candidato á mellor película de animación con O mago dubidoso.

- Luis Tosar, premio Pedigree con estrela no torreiro de Cans e gran embaixador do festival, volve ser candidato ao Goya ao mellor actor.

 

Twitter