DE QUE VAI

 

O Festival de Cans é unha cita alternativa e divertida coas mellores curtametraxes galegas. Ao mesmo tempo, é algo máis que un festival de curtas: aquí hai estreas de documentais e longametraxes, un concurso de videoclips, coloquios con cineastas e presentacións audiovisuais, pero tamén hai concertos, pasarrúas, desfiles de chimpíns, sendeirismo e todo tipo de actividades que se espallan por toda a parroquia de Cans, no concello do Porriño. Durante uns días, Cans convértese no epicentro do terremoto cinematográfico mundial, con ou sen permiso do seu medio irmán francés, o Festival de Cannes, co que sempre coincide en datas. Fronte á sofisticación e o glamour da Costa Azul, o noso festival ofrece altas doses de naturalidade, diversión e agroglamour.

 

O Festival de Cans toma por completo a aldea: o torreiro da festa, xunto á igrexa parroquial, é o punto de encontro onde teñen lugar os concertos e a entrega de premios. Espalladas por Cans atópanse as salas nas que se proxectan as curtas: alpendres, baixos e bodegas propiedade dos veciños que cambian por un día os seus usos habituais para converterse en salas de cine. O Cuberto de Chelo, a Casa do Pato, o Cuberto de Antonio, o Baixo do Moncho, a Casa de Bugarín, a Casa do Carrera, a Casa de Mari e o Baixo de Afonso proxectan simultaneamente a mellor ficción e animación galega, mentres o Jalpón Friki acolle a colleita máis estravagante, e a Sala Multiusos propostas acompañadas de actuacións e presentacións en directo.

 

 

O festival organízao a Asociación Cultural Arela, formada por xente nova do Porriño e Mos, baixo a coordinación do guionista Alfonso Pato. Ademais dos diferentes patrocinadores e colaboradores, a complicidade dos veciños e veciñas resulta imprescindible. Non só achegan ilusión e unha man para o que faga falta, senón que ceden as “salas” de proxeccións e poñen a disposición do público os seus chimpibuses, as peculiares limusinas do festival.

 

Bótalle un ollo a como é o Festival de Cans no documental Agroglamour, dirixido por Carlos Contreras , sobre a segunda edición do certame, e na montaxe fotográfica Máis Cans que nunca, de Luis Otero, sobre a cuarta edición do festival.

 

Dim lights

 


Twitter