![]() |
FESTIVAL DE CANS 2005
|
![]() |
|---|---|---|
|
|
||
|
|
O
festival O Festival de Cans é unha cita alternativa e divertida coas mellores curtametraxes galegas. Un peculiar festival de curtametraxes que emprende este ano a súa segunda edición. De novo a aldea de Cans, no concello do Porriño (Pontevedra) convértese por uns días no epicentro do terremoto cinematográfico do país. No Festival de Cans proxéctanse curtametraxes galegas, pero é moito máis ca un festival de curtas. Na súa primeira edición deu lugar ó concepto de agroglamour. O cine abandona as academias e as salas de cine e viaxa en chimpíns ata os alpendres. Velaí unha das singularidades deste festival: levar as curtas a un entorno rural. O festival transcurre na fin de semana do 20 e 21 de maio, en paralelo ao Festival de Cannes, que nesas mesmas datas reúne na Costa Azul ao máis glamouroso da cinematografía mundial. En Cans, o luxo substitúese con imaxinación e grandes doses de humor. Tres alpendres, un baixo-adega e o baixo dunha vella casa abandonada convertiranse por unha tarde en espléndidas salas de cine. Tres delas estarán de novo dedicadas ás curtas de ficción e outra ás de animación. Como novidade deste ano, ábrese o "jalpón friki", un espazo para as propostas máis extravagantes e irreverentes. As salas contan cun aforo limitado a 75 persoas. Un sistema rotatorio permite acceder a todas as proxeccións a concurso cos 300 bonos á venda. E para os que non teñan bono, as actuacións musicais, o bo ambiente e o "jalpón friki", de entrada libre, garanten a diversión. O festival organízao a Asociación Cultural Arela, formada por xente nova do Porriño e Mos, baixo a coordinación do guionista Alfonso Pato. Ademais dos diferentes colaboradores do festival é moi importante o apoio dos veciños. Eles ceden as "salas" de proxección e o local parroquial, e poñen a disposición do público os seus chimpíbuses, pequenos tractores que resultan o medio de transporte público idóneo para o festival. |