Portada do festival

 

FESTIVAL DE CANS 2005

 

Portada do festival


Información práctica

RECOMENDACIÓNS

En Cans, se o día é bo, recomendamos disfrutar da natureza. Estamos en época de labranza e notaredes un pouco a "fragancia" do abono, pero isto forma parte do encanto das zonas rurais.
Un paseo que recomendamos é a visita ó Monte Castelo, ese que vedes alá enriba. Podedes ir andando, subindo pola beira do camposanto e pasando pola sala coñecida como Cuberto de Antonio. Pódevos levar sobre unha hora e media, entre subir e baixar. Desde arriba hai unhas vistas incribles.
Tamén se pode ir en coche; Hai que ir en dirección a Ponteareas, e ó chegar ó Alto do Confurco, desviarse á dereita. Aquí veredes moi ben o perfil do pianista, tamén coñecido como Pedra de Beethoven, unha silueta xa moi célebre. É metade asfalto, metade camiño de terra, pero está ben. En coche leva sobre 10 minutos.
Se queredes continuar a rota, podedes ir do Castelo ó Faro de Budiño. O paseo en coche levaravos cerca de media hora. Logo sairedes en Budiño, baixaredes por Atios e colledes de novo a estrada a Cans.
Esta que vai do Castelo ó Faro é unha rota que facían a principios do século XX, un grupo de históricos galeguistas, guiados polo arquitecto Antonio Palacios. Entre eles estaban o político Paz Andrade, o fotógrafo Luis Ksado, o pintor Antón Medal, o boticario Pepe Palacios ou o escritor Ramón Cabanillas, que viviu anos no Porriño, porque era o secretario do Concello de Mos.

A Rota Urbana de Antonio Palacios.

No Porriño, tamén podedes facer a pé o roteiro urbano arredor do arquitecto Antonio Palacios: Desde a súa casa natal, á súa tumba, debaixo dun penedo de granito no camposanto do Porriño. Á beira do cementerio está a antiga entrada do Metro de San Luís de Madrid, deseñado por Palacios.
Tamén se pode ver a botica que fixo para o seu irmán Xosé, á beira da Fonte do Cristo, unha das súas primeiras obras. Imprescindible unha visita ó edificio emblemático do concello do Porriño, onde Antonio Palacios vos agarda sentado nun banco da Praza do Concello.