Portada do festival

 

FESTIVAL DE CANS 2005

 

Portada do festival


PREMIOS

XURADO DO FESTIVAL

 

Miguel de LiraMiguel de Lira,do verbo delirar e do mar de Lira (Carnota), onde naceu hai 41 anos. Estes dous elementos servíronlle para interpretar o seu personaxe máis popular, Currás, o persebeiro de Portosás. En troques, tanto antes coma despois disto a súa carreira actoral esténdese con solidez. De mozo marchou a Compostela para estudar Dereito e farto de tragar tochos infumables, decidiu memorizar textos ben diferentes. Xa non endereitou máis. Tralo trampolín do teatro universitario e como membro fudador da compañía Chévere, que seica son os Monty Pyton galegos, ascendeu a comandante da Sala Nasa (Nave de Servicios Artísticos), o espazo de cultura máis alternativo de Galicia. A partir de entón comezaron as ultranoites, os concertos, zinasa e tódalas obras de Chévere: "Annus horribilis", "Hero.es", "BigBang", "O navegante", "Unha fantasía electrodoméstica"... Entre elas, rebentou as taquillas "Río Bravo", un grelo-western no que De Lira é nin máis nin menos que o sheriff. Cando o país do nor-oeste se converteu no de Nunca Máis e da Burla Negra inventou o Mariscal Brush, un personaxe que andou pedindo polo mundo limpeza e sentido común. Témolo visto tamén na gran pantalla facendo cameos en filmes como "Urxa", "O lapis do carpinteiro" e "O agasallo de Silvia". Non menos furtivo que o de "Mareas vivas" foi o seu papel no telefilme "Entre bateas". E, por suposto, tamén experimentou coas curtas. Un exemplo, "Os Crebinsky", proxectada na primeira edición do noso festival. Chega a Cans logo de pasear galeguismo pola alfombra vermella da Berlinale co equipo de "One day in Europe (Galatasaray-Dépor)".

   
Tete Delgado

Teté Delgado, posiblemente a porriñesa máis televisiva, nada en 1965, ía para psicóloga, pero por un estraño fenómeno de parapsicoloxía acabou de presentadora-actriz-cantante, é dicir, todo unha showoman. Comezou na Reoca da TVG e de oca en oca deu o salto a unha casilla importante, Madrid, na que permaneceu tres anos como caixeira do "Súper" máis famoso do país, o de Tele 5. Logo houbo outras series e programas. Entre "El botones sacarino" e "Paraíso", puxo a voz en off en "Me gustas tú", co-presentou con Anabel Alonso "Un país maravilloso" e afrontou o seu propio espazo humorístico en "Un, dos, tres... ¡A leer esta vez!... Hai pouco aterrou de novo en Galicia cun papel en "A miña sogra e máis eu". No cinema pódese dicir que é unha chica García Sánchez, pois participou en tres filmes deste director: "Adiós con el corazón", "La marcha verde" e "Franky Banderas". Tamén a vimos en "Lisístrata" interpretando a Mirrima, a máis "maruja" de Atenas, emparellada con Jesús Bonilla, un matrimonio ben divertido. Non só a pantalla é o dela, tamén fixo as súas piruetas nos escenarios en obras como "Una mujer sin importancia", "23 centímetros" e "Terapia a las seis", esta última dirixida por outro galego enérxico, Moncho Borrajo. No eido musical mata o mono de micrófono nos karaokes e lidera o grupo de rock-soul T.T. y Los Supremos. E na súa sección de curtametraxes: "Me enamoré de un asesino bajito y feo".

   
Sergio Pazos Sergio Pazos, reporteiro kamikaze de Caiga Quien Caiga na era do Gran Wyoming e Paspallás, repartidor de cervexa na serie máis lonxeva da TVG, "Pratos combinados". Esas son as dúas imaxes máis coñecidas deste actor polifacético nacido en Sandiás (Ourense) en 1965. Estudou maxisterio, pero as súas clases máis maxistrais impartiunas nas táboas. Comezou nos 80 como membro da compañía teatral Caritel. Foi tamén un habitual do Centro Dramático Galego e participou en obras como "Esto non é serio", "Calquera vai á guerra" e "A Esmorga". En Madrid deu chimpos dunha teleserie a outra ("Farmacia de guardia", "Los ladrones van a la oficina", "Todos los hombres sois iguales", "Periodistas"...) e dun "sarao" a outro co micro de CQC. O cinema aínda non lle ofreceu un gran papel, pero permitiulle facer os seus "pinitos" nalgún filme de recoñecida sona como "Airbag", "Muertos de risa", "Tuno negro" e "O lapis do carpinteiro". Engrosan o seu currículo as intervencións nas curtametraxes galegas "As loiras prefírenos cabaleiros" e "Galactea (a conquista da Vía Láctea)".
   
Silvia Superstar Silvia Superstar, a viguesa máis kitch, que xa dende nena amosou unha rebeldía punk. Ós oito anos os Reis Magos regaláronlle unha guitarra, ós dezaoito foise da casa, ós dezanove comezou a cantar con Aerolineas Federales e ó pouco tempo xa era líder do seu propio grupo, Killer Barbies. Cos seus dous primeiros discos, "Love killer" e "Only for freaks", axiña comezou a romper nos escenarios nacionais máis aclamados (Espárrago Rock, Festimad, Viña Rock, Dr Music Festival… aínda que quizais o máis peculiar fose o cárcere da Lama), espallando unha estética moi persoal. Con aparencia de pin-up agresiva, unha auténtica boneca asesina, amosa unha forte atración pola cultura de masas. Entre os seus obxectos máis preciados están as súas barbies, chuckies, mazinguers e pistolas láser. Co terceiro álbum, "Bad taste", viviu un éxito inesperado en Alemaña, que se estendeu por Austria e Suíza, e chegou a telonear a Iggy Pop. Ultimamente anda argallando un traballo en solitario e experimentando coa arte dramática no grupo de teatro alemán Voll play back. No mundo cinematográfico é unha fanática da Serie B, polo que protagonizou o filme "Killer barbies" dirixido por Jess Franco, o rei español deste xénero, e os seus personaxes favoritos son os superheroes, sobre todo Bathman e Spiderman. Esperemos que atope algún máis entre as curtas deste ano.
   
Victor Coyote Víctor Coyote (Tui, 1958), comezou a súa carreira musical no Madrid dos 80, onde estudiaba Belas Artes. Arrastrado polo frenesí da "movida", sumouse á festa e montou os Coyotes, un grupo de alma rockabilly, que logo experimentou con ritmos latinos e coa súa fusión co rock e co pop. Desta época son "De color de rosa" e "Las calientes noches del barrio". Tras esta experiencia rebautizouse a si mesmo e Victor Aparicio Abundancia converteuse en Víctor Coyote. E a súa música tamén mudou. En "Lo bueno, dentro" (1995) déixase seducir polos sons brasileños, en "Lucha de migajas" (2000), o máis experimental, insírese na vangarda electrónica e no techno e "¿A que viene silvar ahora?" (2004) é o seu disco máis ecléctico. Entre traballo e traballo, catro ou cinco anos de reflexión. No día a día dedícase ó deseño gráfico e á realización audiovisual, o que lle permite atender a música con liberdade, sen ningunha dependencia das compañías discográficas e do mercado e, sorprendente!, sen apenas promoción. Foi cauto en non traspasar o linde que converte a un artista de culto nun de masas. Entre os seus últimos proxectos no seu estudio figura a imaxe do filme "Crimen ferpecto" de Álex de la Iglesia. Deste xeito, o Coyote nunca para, bip, bip!
   
Chisco Amado Chisco Amado, máis ou menos amado na súa vida ficticia, este coruñés duns corenta e pico anos, conta cunha filmografía ampla dunha ducia de títulos, algúns deles ben coñecidos como "Historias de la puta mili" ou "Krámpack". De mozo marchou a Cataluña na procura das oportunidades que o país da chuvia non lle podía ofrecer. Alí formouse no Instituto do Teatro de Barcelona e asistiu ós talleres de teatreiros da sona de Albert Boadella, Els Comediants, Lluís Pasqual e Sanchís Sinisterra. Mesmo chegou a experimentar coas acrobacias circenses da Escola Nacional do Circo de París, pero o seu principal salto mortal foi lanzarse de cabeza á "versión española". É un habitual do cartel das estreas nacionais, tales como "La mirada violeta", "Juegos y mentiras", "En la ciudad", "A mi madre la gustan las mujeres", "Muere mi vida", "Necesidades", "La fiebre del oro", "Gaudí" e "El complot dels anells". Non se prodiga nas series da TVG, polo que estamos pouco acostumados a velo en Galicia, aínda que, recentemente, xunto a Lucía Jiménez e Chete Lera, converteu a praia da Lanzada, Vigo e unha granxa de avestruces da Lama no máis hollywoodiano escenario de acción, durante a rodaxe de "Ilegal", filme dirixido polo ourensán Ignacio Vilar. Tamén deixou a súa pegada no xénero curto galego coa intervención en "Ipso facto", de Manuel Pena.
   
Xosé Manuel Pereiro Xosé Manuel Pereiro, xornalista monfortino do ano 1956, vén a Cans para representar non ós que están diante, senón ós que están arredor da cámara, sobre todo a aqueles que ó día seguinte da primeira función lles tiran flores ou tomates na prensa ós actores e directores. A pequena pantalla coñécea ben, pois foi redactor de Televisión Española na Coruña e guionista de programas como Canal 13, Composteláns e ¡Que serán? Da gran pantalla debe ser un bo espectador e tentou achegarse máis co guión de "Avante toda!", a que pretendía ser a primeira película bravú. Foi un dos que pariu este movemento cultural rebelde e poderoso, reflexo da bravura natural da terra, e encargouse da dirección do seu voceiro en papel e da súa versión electrónica. Neste panorama underground impulsou tamén a publicación da revista La Naval e foi letrista e cantante do grupo Radio Océano, co heterónimo de Johnny Rotring e con temas tan axeitados para este evento como "Hago cine con mi coche", incluído no seu único disco, "Nin falta que fai". Nos últimos anos colaborou con frecuencia en diversos xornais galegos. Só os seus artigos aparecidos en La Opinión de A Coruña xa lle bastaron para compoñer o libro "Si home si", que recolle cunha mirada ácida e descrida a súa opinión sobre o devir político e social. Como actual correspondente do xornal El País confiamos en que faga unha boa crónica do festival.